Fonte: Deputación de Lugo
– A actividade, que tivo lugar no Centro Social da localidade, ofreceu formación teórica e práctica sobre os usos comúns das plantas culinarias máis coñecidas para o seu aproveitamento
– Fernández Queipo subliñou que “a conservación da natureza é unha das máximas responsabilidades da sociedade actual, pola gran cantidade de bens e servizos que a natureza presta
20 veciños de Becerreá aprenderon como cultivar e aproveitar plantas aromáticas cun obradoiro gratuíto que levou o Goberno da Deputación ao centro social do municipio. Trátase da actividade Uso e cultivo sostible de plantas aromáticas e culinarias na cociña, enmarcado dentro da programación de actividades medioambientais e gratuítas que organizou o Executivo Provincial para o primeiro trimestre do ano. O Vicepresidente e Deputado de Medio Ambiente, Argelio Fernández Queipo, avanzou que se trata dunha acción formativa destinada a dar e coñecer e pór en valor as plantas aromáticas que hai na contorna.
Fernández Queipo subliñou que “a conservación da natureza é unha das máximas responsabilidades da sociedade actual, pola gran cantidade de bens e servizos que a natureza presta en forma de materias primas, alimentos, enerxía, así como de coñecemento e benestar en xeral. Sen embargo, estes beneficios non sempre son ilimitados, polo que é fundamental facer un aproveitamento racional, especialmente daqueles hábitats e especies valiosos ou ameazados, coma os existentes nos espazos naturais protexidos, coma as Reservas da Biosfera”.
O obradoiro tivo unha duración de 4 horas nas que os participantes recibiron algunhas nocións teóricas básicas relacionadas coa identificación das plantas aromáticas, tales como definición, clasificación e características. Durante a parte práctica, recibiron información sobre a preparación e os distintos tipos de cultivo, así como sobre aspectos importantes como a rega ou a fertilización.