15.000 alumnos participarán nas actividades medioambientais do Goberno da Deputación nos colexios da provincia



Fonte: Deputación de Lugo

– 103 centros de Educación Infantil e Primaria de toda a provincia realizarán diferentes actividades relacionadas co medio ambiente a través de dous libros-manuais
– Fernández Queipo subliñou que “este proxecto, dotado con 40.000 euros da Deputación, está concibido para divulgar os ciclos da auga e da árbore, achegando particularidades da contorna natural máis próxima entre os máis cativos”
– A través desta iniciativa, que se celebra por sexta vez, conmemóranse os días internacionais das árbores e da auga, o 21 e 22 de marzo, respectivamente

O Deputado de Medio Ambiente, Argelio Fernández Queipo, presentou este venres nos xardíns do Pazo de San Marcos a 6ª Semana Escolar da Árbore e da Auga, que organiza a Deputación. No acto, participou tamén Llerena Perozo, autora dos manuais dos que disporán os centros de educación primaria da provincia co gallo dos días mundiais das árbores e da auga.

A través desta iniciativa, que xa chega á súa 6ª edición, o Goberno da Deputación achega entre os máis cativos a importancia do medio ambiente, máis concretamente das árbores e dos ciclos da auga.

Fernández Queipo destacou que “son un total de 15.000 alumnos, 5.000 de Educación Infantil e 10.000 de Educación Primaria, de 103 centros de toda a provincia os que participarán nos actos incluídos dentro desta programación. Con esta campaña tratamos de achegar ao profesorado e alumnado instrumentos didácticos sempre diferentes para valorar a importancia dos elementos da natureza nas nosas vidas e a relación co medio. Na presente edición o ameneiro é a árbore protagonista e a que centra ambas as dúas historias”.

Libros-manuais
O Goberno da Deputación editou os libros-manuais Eva, o trasno e o ameneiro e Salven os ameneiros!, de Llerena Perozo Porteiro. Ambas publicacións ilustradas son historias de ficción con fundamentos didácticos para impulsar o coñecemento da natureza e das especies máis próximas. Repartíronse preto de 6.200 libros de educación infantil e 8.148 libros de educación primaria.

Os libros son soportes imaxinativos, e mesmo lúdicos, que inclúen coñecementos dos ciclos da auga e da árbore e outras cuestións específicas relacionadas coas Reservas da Biosfera lucenses. Todos os alumnos e alumnas disporán do seu exemplar, prolongando, deste xeito, as posibilidades de reutilización e lectura no fogar. Para establecer as actividades elaborouse un programa con propostas de traballo e editouse unha Guía do profesorado contendo pautas para utilizar o libro manual.

– Eva, o trasno e o ameneiro é a proposta de manual para alumnos e alumnas de 3 a 7 anos, un álbum ilustrado no que a imaxe é tan importante como a palabra. A combinación das dúas narracións, literaria e gráfica, serven para cubrir as necesidades de compresión dos non lectores e dos primeiros lectores. A obra, que se desenvolve na Fonsagrada, quere facer chegar aos pequenos a idea de permanencia das árbores xeración tras xeración. A narración está concibida para ser lida ao alumnado, aínda non lector, dos tres cursos de infantil mentres eles identifican e relacionan a lectura coas imaxes. A obra tamén se adecúa aos dous primeiros cursos de Educación Primaria, integrados por un alumnado de primeiros lectores.

– Salven os ameneiros! é a proposta de manual para os dous ciclos finais de Educación Primaria, os cursos comprendidos nos tramos de idade de 8 a 11 anos. A protagonista da historia é unha Ecopanda, formada por cinco adolescentes e un robot que traballa pola conservación da Natureza e que está ameazada por unha personaxe que representa o mal e o desprezo polo medio ambiente. O obxectivo da narración é observar o fenómeno dos encoros, a utilización da auga para a xeración de enerxía eléctrica e servirá tamén para falar da intervención do ser humano no hábitat á hora da súa adaptación ás necesidades de cada momento histórico. A narración desenvólvese no territorio protexido da Reserva da Biosfera Terras do Miño co obxectivo de coidar e conservar os espazos protexidos.

Programación e actividades
6ª Semana Escolar da Árbore e da Auga terá lugar dende o 20 ata o 24 de marzo. O primeiro día os alumnos farán unha pegada de carteis nos centros escolares. Durante a semana lectiva lerán e analizarán o libro-manual e co apoio dos docentes, realizarán actividades para saber máis das augas e das árbores, especialmente dos ameneiros e das Reservas da Biosfera lucenses.

O vindeiro 24 de marzo, como conclusión do proxecto e as actividades, ás 12:00 horas e simultaneamente en toda a provincia de Lugo, plantaranse 123 ameneiros nos 103 centros inscritos na programación; inaugurarán os murais realizados sobre hábitos medioambientais nocivos para a conservación da natureza; leranse os traballos realizados e interpretarán o himno galego e cancións sobre a auga e as árbores.

No programa inclúense unha selección de diferentes actividades para que os docentes as poñan en práctica cos alumnos da aula; para facilitar a selección divídense as propostas e talleres en tres ciclos de idades: Infantil e 1º e 2º de Primaria; 3º e 4º de Primaria e 5º e 6º de Primaria. A realización destas experiencias é unha opción do profesorado que decidirá os obradoiros máis acaídos para o nivel da súa aula.

– Actividades dirixidas a alumnos de Infantil e 1º e 2º de Primaria: co libro Eva, o trasno e o ameneiro, os talleres que poderán realizar son os de pintura e manualidades con diversos materiais como plastilina ou cartolinas;  diferentes actividades en relación coa lingua, o inglés ou as matemáticas; e a práctica de expresión corporal e a música, coa que se pretende conseguir unha plena interacción da literatura cos sentimentos e emocións, traballando a psicomotricidade e a comprensión oral.

Neste apartado inclúense actividades máis específicas para o alumnado xa lector, dirixidas a 1º e 2º de Primaria. As tarefas complementan as anteriores e inclúen traballos con auga e aceite; recompilación de refráns e ditos populares nos que as árbores sexan as protagonistas; taller de marionetas ou a elaboración dun sinxelo espectáculo de sombras chinesas, entre outros.

– Actividades dirixidas a alumnos de 3º e 4º de Primaria: co libro Salven os ameneiros!, os talleres que se dirixen a este grupo de alumnos son os de atención lectora, traballo de lingua e gramática a través da realización de pequenas redaccións, diálogos e localización de substantivos e adxectivos; coñecemento de topónimos da provincia; obradoiros relacionados coa natureza, a música e a plástica realizando un colaxe e creando cantigas sobre os ameneiros e os ríos e coñecerán a Reserva da Biosfera Terras do Miño, pois a historia Salven os ameneiros!, desenvólvese practicamente no espazo protexido desta reserva.

– Actividades dirixidas a alumnos de 5º e 6º de Primaria: O grupo de alumnos máis maiores tamén empregarán o libro Salven os ameneiros! e realizarán actividades moi variadas e enriquecedoras, entre as que destacan a creación dun cómic; o coñecemento máis en profundidade do ameneiro; traballos de investigación sobre as árbores e a auga; actividades plásticas, de debate e compresión lectora.

Obxectivos
Os obxectivos desta iniciativa están concibidos para concienciar aos máis cativos sobre o hábitat natural como ben presente e futuro, así como tamén, para divulgar entre o alumnado coñecementos dos ciclos da auga e da árbore, máis aló da materia de Ciencias Naturais fomentando o interese por unha realidade que nos circunda e que, por cotiá, non resulta apreciada en todas as súas dimensións.

Nesta ocasión a campaña introduce nas propostas un comunicado para remitir a pais e titores de cada alumno e alumna coa idea de implicalos na iniciativa que, busca crear un vínculo de educación co proxecto tamén no ámbito familiar, propiciando a participación e implicación, directa ou indirecta, dos maiores.

Centros inscritos
– CEIP Santa María do Concello da Fonsagrada
– CEIP de Bretoña do Concello da Pastoriza
– CEIP O Salvador do Concello da Pastoriza
– CEIP da Pobra de Brollón do Concello A Pobra do Brollón
– CEIP Plurilingüe da Pontenova do Concello da Pontenova
– CEIP Aquilino Iglesia Alvariño do Concello de Abadín 
– CEIP do Castro de Ouro do Concello de Alfoz 
– CEIP de Antas de Ulla do Concello Antas de Ulla 
– CEIP das Nogais do Concello das Nogais
– CEIP Concepción López Rey do Concello de Baleira 
– CPI Luís Díaz Moreno do Concello de Baralla
– CEIP de San Cosme do Concello de Barreiros 
– CEIP San Miguel de Reinante Barreiros do Concello de Barreiros 
– CEIP San Xoán do Concello de Becerreá 
– CEIP Virxe do Corpiño do Concello de Begonte 
– CEIP de Baamonde do Concello de Begonte 
– CEIP Rosalía de Castro do Concello de Bóveda 
– CEIP Plurilingüe Vista Alegre do Concello de Burela 
– CEIP Virxe do Carme do Concello de Burela 
– CEIP Xosé Luís Taboada do Concello de Carballedo 
– CEIP Ramón Falcón do Concello de Castro de Rei 
– CEIP Veleiro-Docampo do Concello de Castro de Rei 
– CPI de Castroverde do Concello de Castroverde
– CPI de Cervantes do Concello de Cervantes 
– CEIP de Cervo nº1 do Concello de Cervo 
– CEIP de Cervo do Concello de Cervo 
– CEIP Xoán de Requeixo do Concello de Chantada 
– CEIP Eloísa Rivadulla do Concello de Chantada 
– CPI Plurilingüe Virxe do Monte do Concello de Cospeito 
– CEIP de Muimenta do Concello de Cospeito 
– CPI Poeta Uxío Novoneira do Concello Folgoso do Courel
– CEIP de Foz nº 1 do Concello de Foz 
– CEIP Fondo Nois do Concello de Foz 
– CEIP O Cantel do Concello de Foz 
– CPI Dr. López Suárez do Concello de Friol
– CEIP Santo Estevo de Parga do Concello de Guitiriz 
– CEIP Plurilingüe Lagostelle do Concello de Guitiriz 
– CEIP de Lousada do Concello de Guntín 
– CPI Tino Grandío do Concello de Guntín 
– CPI Ramón Piñeiro do Concello de Láncara
– CEIP Juan Rey do Concello de Lourenzá 
– EEI Fingoi nº 2 do Concello de Lugo
– CEIP Anexa do Concello de Lugo 
– CEIP Rosalía de Castro do Concello de Lugo 
– CEIP A Ponte do Concello de Lugo 
– CEIP Albeiros do Concello de Lugo 
– CEE Santa María do Concello de Lugo 
– CEIP de Casas do Concello de Lugo 
– CEIP Illa Verde do Concello de Lugo 
– CEIP Menéndez Pelayo do Concello de Lugo 
– CEIP Paradai do Concello de Lugo 
– CEIP Sagrado Corazón do Concello de Lugo 
– CEIP das Mercedes do Concello de Lugo 
– CEIP Manuel Mallo Mallo do Concello de Lugo 
– CEIP As Gándaras do Concello de Lugo 
– CEIP Benigno Quiroga Ballesteros do Concello de Lugo 
– CEIP Poeta Avelino Díaz do Concello de Meira 
– CEIP Álvaro Cunqueiro Mora do Concello de Mondoñedo 
– CEIP de Monforte de Lemos do Concello de Monforte de Lemos 
– CEIP A Gándara do Concello de Monforte de Lemos 
– CEE Infanta Elena do Concello de Monforte de Lemos 
– CEIP de Monterroso do Concello de Monterroso 
– CEIP Antía Cal Vázquez do Concello de Muras 
– CPI de Navia de Suarna do Concello de Navia de Suarna
– CEIP Plurilingüe do Corgo do Concello do Corgo
– CEIP Ricardo Gasset do Concello do Incio
– CEIP do Páramo do Concello do Páramo
– CEIP de Currelos do Concello do Saviñao
– CPI Dr. López Suárez do Concello do Saviñao
– CEIP Santa María do Valadouro do Concello do Valadouro
– CEIP do Vicedo do Concello do Vicedo
– CEIP Laverde Ruíz do Concello de Outeiro de Rei 
– CEIP de Palas de Rei do Concello de Palas de Rei 
– CEIP Monte Baliño do Concello de Pantón 
– CEIP San Miguel do Concello de Paradela 
– CPI Uxío Novoneira do Concello de Pedrafita do Cebreiro
– CEIP Rosalía de Castro do Concello de Pol 
– CEIP Virxe da Luz do Concello de Portomarín 
– CEIP de Quiroga do Concello de Quiroga 
– CEIP Otero Pedrayo do Concello de Rábade 
– CEIP Gregorio Sanz do Concello de Ribadeo 
– CEIP de San Clodio do Concello de Ribas de Sil 
– CEIP de Riotorto do Concello de Riotorto 
– CEIP de Samos do Concello de Samos 
– CEIP Frei Luís de Granada do Concello de  Sarria 
– EEI de Sarria do Concello de Sarria 
– CEIP Antonio Fernández López do Concello de Sarria 
– CEIP Virxe do Carme do Concello de Sober 
– CPI San Tomé do Carballo do Concello de Taboada
– CEIP Celso Currás do Concello de Trabada 
– CEIP Eduardo Cela Vila do Concello de Triacastela 
– EEI de Vilalba do Concello de Vilalba
– CEIP Terra Chá do Concello de Vilalba 
– CEIP Manuel Mato Vizoso do Concello de Vilalba 
– CEIP Antonio Insua Bermúdez do Concello de Vilalba 
– CEIP Monseivane do Concello de Vilalba 
– EEI San Roque do Concello de Viveiro
– CEIP Plurilingüe de Covas do Concello de Viveiro 
– CEP Luís Tobío do Concello de Viveiro 
– CEIP Antonio Pedrosa Latas do Concello deViveiro 
– CEIP Plurilingüe Santa Rita do Concello de Viveiro 
– CEIP de Xermade do Concello de Xermade 
– CEIP Pedro Caselles Rollán do Concello de Xove 


This site is registered on wpml.org as a development site.