40 escolares de Cervantes achegáronse á práctica do ilusionismo nun obradoiro da Reserva da Biosfera



Fonte: Deputación de Lugo

A actividade, que tivo lugar este venres no centro educativo de Cervantes, ofreceu técnicas básicas e distintas habilidades para iniciarse no mundo da maxia

40 escolares do CPI de Cervantes participaron este venres no obradoiro gratuíto sobre Ilusionismo, que ofrece a Deputación dentro da programación de actividades medioambientais nos Ancares Lucenses para o primeiro trimestre do ano.

O curso, que se celebrou no centro educativo, tivo unha duración de 3 horas nas que os participantes aprenderon unha serie de técnicas básicas e xogos de maxia. Puideron achegarse a unha serie de recursos, tales como libros, páxinas web ou tendas de maxia onde mercar material, co fin de que aqueles que o desexan podan ampliar os seus coñecementos.

O Vicepresidente e Deputado de Medio Ambiente, Argelio Fernández Queipo, subliñou que “achegamos aos nenos e nenas ao mundo da maxia, para que vexan que calquera persoa pode crear ilusión e que aprendan o básico para ter unhas nocións que podan desenvolver e incrementar despois coa práctica e coa repetición”.

“Ademais da aprendizaxe, o obradoiro de introdución ao ilusionismo é unha forma de diversión que desenvolve moitas outras habilidades nos máis pequenos: potencia a creatividade e a comunicación ademais do espírito crítico. Dalles a oportunidade de enfrontarse a unha audiencia, falar en directo, perder o medo ante un público ou, gañar en confianza”, destacou


This site is registered on wpml.org as a development site.