A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou este venres a listaxe definitiva das entidades sen ánimo de lucro que resultaron beneficiarias da liña de axudas de concorrencia competitiva que convoca a institución provincial para desenvolver proxectos medioambientais nas Reservas da Biosfera Terras do Miño e Os Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá. En concreto, son 110.000€ para desenvolver 41 iniciativas que porán en valor o patrimonio natural, cultural e paisaxístico destes territorios. Así o anunciou na rolda de prensa o Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón.
Rivera Capón informou que “destinamos un total de 60.000€ para 28 proxectos que se realizarán na Reserva Terras do Miño e 50.000€ para desenvolver 13 actuacións na Reserva dos Ancares Lucenses”. Así mesmo, o Deputado sinalou que esta é a cuarta convocatoria desta liña de axudas que puxo en marcha a institución provincial o pasado mandato e subliñou que “da man de entidades asociativas asentadas nestes territorios contribuímos a coidar e preservar o medio ambiente, ao mesmo tempo que impulsamos o seu desenvolvemento social e económico da maneira sostible”.
Pablo Rivera afirmou que estas axudas van desde o 1.000€ ata os 7.000€ e puxo en valor o éxito desta convocatoria “que nos levou a incrementar hai un ano o orzamento nun 30%, ata alcanzar os 110.000€, o que nos permite desenvolver máis iniciativas que continúen dinamizando as Reservas da Biosfera”.
Algúns dos proxectos que se van levar a cabo grazas a estas axudas son: un programa de educación ambiental para persoas con diversidade funcional, que realizará a asociación Capaces Lugo; unha xornada de micoloxía e diversos obradoiros sobre plantas silvestres e medicinais da man da Asociación de Veciños da Parroquia de Santiago de Sancovade (Vilalba); ou labores de mantemento de rutas de sendeirismo a través da Asociación de Amigos do Patrimonio de Castroverde, entre outras actuacións.
O Deputado Provincial tamén puxo en valor o esforzo que realizamos a institución provincial para impulsar e potenciar estes territorios “un traballo que, por suposto, facemos da man das entidades e dos colectivos relacionados con este ámbito, porque somos plenamente conscientes da súa importancia para dinamizar a actividade social, cultural e económica das Reservas da Biosfera”, avanzou.