A Deputación abre o prazo para presentar iniciativas que potencien a Vía Romana XIX, nos Ancares



Fonte: Deputación de Lugo

Os membros do órgano participativo da Reserva da Biosfera-Ancares Lucenses teñen ata o 31 de xaneiro para enviar as súas propostas

A Deputada de Promoción Económica e Social, Sonsoles López Izquierdo, subliñou que “dado o interese que ten esta Vía Romana dende un punto de vista cultural e turístico, e dentro das posibilidades orzamentarias do ano 2019, propúxose abrir un prazo para a presentación de iniciativas que promovan a súa posta en valor”

 

A Deputación abre o prazo de presentación para recibir iniciativas dos membros do órgano participativo da Reserva da Biosfera-Ancares Lucenses, destinadas a potenciar a Vía Romana XIX, de 99 quilómetros de extensión, inaugurada no ano 11 d.C. Trátase da máis antiga das tres vías principais documentadas en Galicia (XVIII, XIX e XX), que unían as capitais dos tres conventos xurídicos do noroeste peninsular: Asturica Augusta (Astorga), Lucus Augusti (Lugo) e Bracara Augusta (Braga). Estes camiños foron fundamentais para a expansión do Imperio Romano. O percorrido polos Ancares desenvólvese por tramos da vía orixinal, e cando estes xa desapareceron, por camiños tradicionais e tamén por estradas que aproveitaron a vía romana. Fixouse o 31 de xaneiro, como data límite para recibir propostas.

A Deputada de Promoción Económica e Social, Sonsoles López Izquierdo, subliñou que “dado o interese que ten esta Vía Romana dende un punto de vista cultural e turístico, e dentro das posibilidades orzamentarias do ano 2019, propúxose abrir un prazo para a presentación de iniciativas que promovan a súa posta en valor e a súa difusión, co fin de convertela nun atractivo patrimonial e turístico”.

O Colectivo Patrimonio dos Ancares e outros colectivos do Órgano de Participación da Reserva, amosaron o seu interese en potenciar e promocionar este roteiro, fundamentándose no feito de que, a pesares de ser a vía de comunicación antiga máis importante, apenas se coñece.

Actuacións da Deputación

O Executivo da Deputación ten realizado varias actuacións co fin de poñer en valor esta vía. En varios tramos dos Concellos de Cervantes e de Becerreá, o organismo provincial colocou hai anos uns fitos que indican a ruta.

Ademais, no ano 2008, a Deputación editou no marco do proxecto europeo Vías Atlánticas o libro Vía Romana XIX. Unha Viaxe dende Lugo aos Ancares, seguindo as pegadas de Roma, dos autores Antonio Rodríguez Colmenero e Rubén D. Álvarez Asorey. Este libro afonda nesta ruta turístico-cultural transfronteiriza que, ademais, atravesa zonas cun importante patrimonio histórico e arqueolóxico.

O 15 de setembro de 2018, a Deputación apoiou a celebración dunha Ruta BTT Vía Romana XIX, coa que promover este itinerario e na que participaron un total de 30 persoas, que percorreron os 99 quilómetros deste camiño romano.


This site is registered on wpml.org as a development site.