Fonte: Deputación de Lugo
– Os participantes poderán ver o Castro de Santa María, o Castelo de Doiras ou a construción do Conde de Grajal de Campos do s.XV
– Os interesados en participar nesta actividade gratuíta poderán inscribirse en www.deputacionlugo.gal e no 982227812
A Deputación de Lugo organiza este sábado un novo roteiro que percorrerá o Concello de Cervantes. Esta actividade está enmarcada dentro da programación de actividades para conmemorar o 10º aniversario da declaración da Reserva da Biosfera dos Ancares Lucenses pola UNESCO.
O roteiro ten unha lonxitude de 16 quilómetros e conta cunha dificultade media. O autobús para realizar a andaina sairá de diante da Facultade de Formación do Profesorado o sábado día 4, ás 9:00 horas da mañá. É preciso levar comida para a camiñata e un calzado axeitado para esta aventura. Os interesados en participar nesta actividade poderán inscribirse en www.deputacionlugo.gal e no 982227812.
A cerva branca dos Ancares
Os participantes poderán gozar dos valores naturais que conforman a Reserva da Biosfera dos Ancares Lucenses e Montes de Navia, Cervantes e Becerreá. Na súa andaina, poderán observar espléndidas paisaxes, a riqueza da biodiversidade dos seus rÍos e as súas montañas, ademais de poder interpretar os recursos culturais que existen; como por exemplo o Castro de Santa María, a fortificación medieval do Castelo de Doiras ou a construción do s. XV do Conde de Grajal de Campos, Señor de Cervantes. Un monumento que garda unha das lendas máis populares da mitoloxía galega, a cerva branca dos Ancares.