Fonte: Deputación de Lugo
Eduardo Vidal recolleu o premio e agradeceu este recoñecemento que supón un pequeno revulsivo para a difusión desta Reserva da Biosfera
O Deputado de Turismo, Eduardo Vidal Baamonde, recolleu este xoves na Coruña o premio que conceden os lectores da revista “La Alacena Roja”, na categoría Del Viajar, pola promoción que realizou o organismo provincial sobre a Reserva da Biosfera dos Ancares lucenses.
Vidal Baamonde agradeceu aos organizadores deste premio este recoñecemento. “Dende a Deputación de Lugo estamos convencidos do potencial turístico da nosa provincia, e traballamos para contribuír a que o turismo sexa un factor clave, na economía dos 67 Concellos da provincia”.
Este ano a Deputación conmemorou con diversas actividades o X Aniversario das Reservas da Biosfera dos Ancares Lucenses, xa que das seis reservas existentes en Galicia, tres están en territorio lucense, ocupando máis do 55% de superficie da mesma: Terras do Miño, Ancares Lucenses e Río Eo, Oscos e Terras de Burón, esta última, compartindo territorio con Asturias.