A Mesa de Turismo organizada polo Goberno da Deputación en Pedrafita reúne a 9 Alcaldes da Montaña lucense



Fonte: Deputación de Lugo

– No encontro participou Vidal Baamonde xunto aos Alcaldes de Negueira de Muñiz, Ribeira de Piquín, As Nogais, Baleira, O Incio, Cervantes, Triacastela, Navia de Suarana e Pedrafita do Cebreiro
– Esta mesa de traballo súmase aos outros tres encontros participativos celebrados este mes en Burela, Vilalba e Lugo. O vindeiro 21 de marzo terá lugar a última mesa de traballo, en Monforte de Lemos.

O Deputado de Turismo, Eduardo Vidal Baamonde, participou esta mañá na Casa de Cultura de Pedrafita do Cebreiro, xunto cos representantes dunha vintena de entidades dos Ancares e do Courel, na mesa de traballo sobre o sector turístico organizada polo Goberno provincial no marco da preparación do seu Plan Estratéxico de Turismo. Vidal Baamonde destacou a boa acollida que tivo o encontro entre os Concellos da Montaña Lucense, xa que contou coa participación de 9 Alcaldes, ademais dos representantes doutros tres Concellos máis.

Así, formaron parte dos grupos de traballo os Alcaldes de Negueira de Muñiz, Ribeira de Piquín, As Nogais, Baleira, O Incio, Cervantes, Triacastela, Navia de Suarna e Pedrafita do Cebreiro; así como o Tenente Alcalde de Becerreá e técnicos municipais de Folgoso do Courel e da Fonsagrada. Ademais dos Concellos, tamén participaron no encontro outras asociacións socioculturais e de xestión do territorio, ata sumar un total de 30 asistentes.

A Mesa de Turismo prolongouse durante case tres horas e incluíu diversas dinámicas de grupo e de traballo en equipo para identificar, de forma conxunta, as debilidades e fortalezas do xeodestino Ancares-Courel. A paisaxe natural, a gastronomía e a etnografía xurdiron como puntos fortes, mentres que a falta de infraestruturas turísticas, o despoboamento e a escasa promoción en liña foron citados como puntos débiles.

5 Mesas de Turismo con 200 entidades participantes 
Logo da celebración desta mesa de traballo en Pedrafita do Cebreiro, o quinto e último dos encontros terá lugar en Monforte de Lemos, o día 21. Ademais, xa se celebraron as mesas de traballo da Mariña, da Terra Chá e de Lugo. En total, están chamadas a participar 200 entidades, entre as que se inclúen os Concellos incluídos en cada un dos 4 xeodestinos lucenses.

Estas iniciativas de escoita activa forman parte da preparación do Plan Estratéxico de Turismo da Deputación, un plan elaborado con metodoloxías participativas, que, ademais das 5 mesas de traballo, inclúe a realización de entrevistas en profundidade con expertos e de enquisas en liña a  colectivos do sector turístico.


This site is registered on wpml.org as a development site.