Fonte: Deputación de Lugo
Son 6 actividades gratuítas organizadas polo Goberno da Deputación, e dirixidas a todos os públicos, sobre xeoloxía, botánica, fauna, astronomía e a paleontoloxía
A través desta iniciativa, o Goberno Provincial, contribúe a dar a coñecer a riqueza e os valores destes espazos naturais impulsando, á vez, o turismo nestes concellos da provincia
A inscrición nestas actividades, que terán lugar entre maio e agosto, pódese realizar desde hoxe ata que se esgoten as prazas a través da web de http://cursos.deputacionlugo.org/turismo
O Deputado de Turismo, Eduardo Vidal Baamonde, avanzou, este xoves que xa está aberto o prazo de inscrición, da nova programación de actividades de turismo científico OBSERVER nas montañas do Courel e dos Ancares para a temporada primavera-verán. Son 6 actividades gratuítas que se desenvolverán de maio ata agosto e que consistirán en rutas, paseos e actividades explicativas con temáticas vinculadas á ciencia como a xeoloxía, botánica, fauna, astronomía e a paleontoloxía. Así, na primeira das actividades previstas Os Ancares na Idade de Xeo, que será o 18 de maio en O Piornedo, os participantes poderán coñecer as curiosidades xeolóxicas destas montañas.
A finalidade deste programa de actividades é dar a coñecer desde unha óptica vinculada á ciencia, e dirixida ao público en xeral, a riqueza e os valores naturais das montañas do Courel e os Ancares. Estes dous espazos naturais, recibiron, no pasado mes pasado de marzo, a certificación Espazo Observer Turismo Científico grazas a un proxecto impulsado polo Goberno da Deputación. A través desta iniciativa, o Executivo Provincial procura impulsar o turismo nos Concellos da provincia desta contorna natural.
Esta programación está aberta a todos os públicos. Nas actividades poden participar visitantes, estudantes, público familiar, escolares ou calquera persoa interesada en actividades que buscan un turismo singular e diferente. Os menores deberán ir acompañados das súas familias, titores ou persoas responsables. Cada actividade ten un aforo máximo de entre 25 e 30 persoas. As inscricións poden realizarse desde hoxe e ata que se esgoten as prazas na web da Deputación http://cursos.deputacionlugo.org/turismo.
Programa de actividades
XEOLOXÍA
Os Ancares na idade de xeo.
18 de maio. 11:00 horas
Lugar de Piornedo. Duración: 2 horas 30 min
BOTÁNICA
A Devesa de Rogueira: o auténtico bosque atlántico galego
8 de xuño. 11:00 horas
Lugar: Aula da Natureza. Devesa da Rogueira
Duración: 2 horas 30 min
FAUNA
Osos e demais mamíferos: Buscando rastros
13 de xullo. 10:00 horas
Lugar: Froxán. Folgoso do Courel
Duración: 3 horas
A Noite dos morcegos
3 de agosto. 20:00 horas
Lugar: Piornedo
Duración: 4 horas
ASTRONOMÍA
A noite estrelada dos Ancares
13 de agosto. 22:00 horas
Lugar: A Fonsagrada
Duración: 2 horas
PALEONTOLOXÍA
Obradoiro para nenos e familias: Viaxando na máquina do tempo: os animais de Ancares e Courel
21 de agosto. 11:00 horas
Lugar: Museo Xeolóxico de Quiroga
Duración: 2 horas
Dirixido a menores de máis de 6 anos e acompañados dos seus familiares.
Formación guías OBSERVER
Esta mesma semana, 23 profesionais comezaron a formación gratuíta da Deputación para que estes destinos da provincia dispoñan de guías acreditados por OBSERVER, con coñecementos específicos. A súa finalidade é dotalos das capacidades necesarias para que poidan guiar a grupos e explicar os valores e recursos das Montañas dos Ancares e do Courel desde unha óptima vinculada a calquera disciplina da ciencia como a botánica, a zooloxía ou a xeoloxía entre outras.