As vacas felices dos Ancares



Fonte: La Voz de Galicia

A cooperativa A Carqueixa ofrece produtos gourmet de terneira galega suprema, ten máis de 200 socios e inaugurou hai un ano a súa tenda online, que supón o 20 % das súas vendas

José Antonio ten 40 vacas no alto do Cerredo que tamén fan trashumancia, unha práctica transmitida de avós a netos que consiste en trasladar ao gando a zonas limítrofes. Este gandeiro bota a andar oito horas en primavera cos seus animais.

As vacas destes máis de 200 socios son felices pastando e crecendo nas montañas dos Ancares e maman leite ata que cumpren, polo menos, os sete meses de vida. A maioría están en extensivo e non saben o que é estar pechadas nunha corte. Por iso tamén se pode dicir con certeza que este grupo de gandeiros fixo tamén un importante traballo polo rural: transformaron en pastos zonas de uces e pedras, previndo incendios e, ao mesmo tempo, dándolle uso a zonas que apenas se aproveitaban.

«O de vender por Internet foi unha moi boa idea, é o futuro, e permitiranos seguir avanzando»

A comunicación interna

A comunicación interna nunha cooperativa formada por máis de 200 persoas é máis fácil grazas ao Whatssapp, como ben sabe Román, que se encarga de xestionar que todo vaia correctamente. «Temos varios grupos e unha lista de difusión», comenta mentres José Antonio engade entre risas que antes «todo se facía a través do teléfono fixo».

«A venda por Internet permite que os cooperativistas cobren ata 200 euros máis por becerro»

A venda a través da tenda online de A Carqueixa permite aos cooperativistas gañar máis cartos por canal de becerro dende que se inaugurou este servizo hai un ano. Os beneficios oscilan entre os 100 e 200 euros por cada animal. «O de vender por Internet foi unha moi boa idea, é o futuro, e permitiranos seguir avanzando», conta o presidente da cooperativa.

Agora, a páxina web está a mudar o seu aspecto. Ademais, tal e como explica Román Sánchez, esta cooperativa fixou a súa estratexia nas redes sociais ao considerar que eran un nicho sen explotar que podería dar moitas satisfaccións. Tanto é así que na súa páxina de Facebook acumulan máis de 5.500 gústame e en Instagram teñen case 1.000 seguidores. En Youtube, estes emprendedores optan polos vídeos de receitas e por amosar a realidade dos máis de 200 cooperativistas que conforman este proxecto. Agora están a traballar en varios vídeos promocionais.

«Vender por Internet implica gañar por kilo sobre 50 céntimos máis», explica Román. Ademais, a comparativa con hai un ano demostra que neste momento triplicouse as vendas si se comparan cas que se facían no mesmo mes do ano pasado.

O prezo da carne baixou pola pandemia, pero subiron os pedidos na tenda da web

O prezo da carne baixou considerablemente pola pandemia de coronavirus. Ademais, había restaurantes que mercaban produtos a esta cooperativa e que, polo peche de establecementos e redución de presupostos, reduciron notablemente os seus pedidos. Sen embargo, a venda a través da tenda online subiu dende que «apareceu o bicho». Moita xente animouse a mercar carne por Internet e, como saben os de A Carqueixa, «quen a proba, repite. As costeletas, solombos e demais véndense moito aos restaurantes», conta Román Sánchez.

Lotes de carne a medida

Ata hai uns meses, A Carqueixa so vendía por Internet packs de carne. Agora xa permite mercar pequenas cantidades e ata seleccionar o tipo de corte da carne en cuestión. Non hai pedido mínimo, aínda que unha compra xeitosa fai que os gastos de envío sexan algo máis baratos. Os pedidos chegan en aproximadamente sete días.

Estes gandeiros saben que a calidade da súa carne é excepcional. É por iso que só venden aquilo que consumen. «É habitual que dun xato se separe algunha carne para mandar a algún familiar. A persoa que fai unha compra leva o mesmo produto que os que son da casa, por dicilo dalgún xeito. E iso é porque temos a seguridade de que a carne sae boa», explica Román.

Aínda que as campañas a través das redes sociais dan o seu froito, xerente e presidente desta cooperativa admiten que «o boca a boca» é un dos mellores remedios.

Algunhas vacas levan colar con GPS e o lobo ataca de cando en vez

O presidente de A Carqueixa comenta que os ataques do lobo son, para algúns cooperativistas, «máis frecuentes do que deberían». Sobre as medidas de prevención contra o animal, conta que non teñen demasiados mastíns e que algúns non están especificamente educados para coidar do gando. «Eu teño un, pero non me para cas vacas e sempre volve para a casa», engade José Antonio, que tamén explica que as perdidas económicas son cuantiosas para moitos gandeiros. «Vai por épocas, pero cos xatos pequenos temos que ter moito coidado e traer as vacas parir cerca da casa», engade.


This site is registered on wpml.org as a development site.