Fonte: Deputación de Lugo
A I Feira en Defensa do Gandeiro de Montaña celebrarase este sábado na localidade de San Román de Cervantes. A programación desta cita inclúe un concurso de gando no que están inscritos máis de 100 animais
Fernández Queipo subliñou que “recuperando esta feira tradicional de gando vacún, dinamizamos a actividade económica da zona e apoiamos aos gandeiros e a produción de tenreira galega na provincia”
O Vicepresidente da Deputación, Argelio Fernández Queipo, xunto ao Alcalde do Concello de Cervantes, Benigno Gómez Tadín, e o Presidente da Asociación Territorio Verde, Miguel González Vilela, presentaron a I Feira en Defensa do Gandeiro de Montaña que se celebrará, na localidade de San Román de Cervantes, o sábado 11 de maio e coa que colabora o organismo provincial.
Fernández Queipo subliñou que “recuperando esta feira tradicional de gando vacún, dinamizamos a actividade económica da zona e apoiamos aos gandeiros e a produción de tenreira galega na provincia. Tamén contribuímos a manter viva a ancestral relación entre o gando e a paisaxe dos Ancares axudando a potenciar o turismo neste territorio da Montaña lucense”.
Con esta iniciativa, a Asociación Territorio Verde, recupera unha feira tradicional que non se celebraba dende o ano 1985. Ademais de facer protagonista á tenreira galega, esta cita busca fomentar a unión e o traballo conxunto dos gandeiros para impulsar un sector clave para o desenvolvemento deste territorio.
A Feira, que se desenvolverá nunha pradería, estará amenizada con pulpeiros, comerciantes e música tradicional. Ademais tamén haberá un concurso de gando no que están inscritos ao redor de 100 animais e tamén unha poxa de xatas da Asociación de Criadores de Raza Rubia Galega, ACRUGA.
Programa
Este sábado, ás 09.00 horas, comezará a feira coa recepción do gando participante. Un xurado especializado será o encargado de avalialo. Ás 12.00 horas terá lugar a poxa de xatas de Acruga. A partires das 13.30 horas, entregaranse os premios do concurso ás mellores vacas, toros e xatas de raza rubia galega e de raza asturiana. Tamén haberá premio para a gandería que presente máis reses.
Asociación Territorio Verde
A Asociación Territorio Verde impulsa a vida rural nos Ancares coa posta en marcha de diversos proxectos. Entre as súas actuacións destacan as accións de sensibilización medioambiental, a promoción de iniciativas de recuperación natural, a cooperaración con colectivos da zona como gandeiros, ou escolares e o apoio a proxectos de emprendedores que sexan viables. Entre os seus proxectos futuros está o de repetir esta feira de gando no mes do outubro abríndoa a produtores da zona para que vendan os seus produtos autóctonos.