Deputación e Campus Terra da USC estudan as potencialidades turísticas da micoloxía nos Ancares e Courel



Fonte: Deputación de Lugo

– É un proxecto co que o Executivo busca definir estratexias para favorecer o turismo micolóxico a través de actividades concretas e estudos para a súa implantación
– Vidal Baamonde destacou a “transversalidade deste subsector” pois a recollida de fungos pode completarse con máis recursos turísticos propios do territorio
– O Executivo destina 35.000 euros á elaboración deste traballo que afonda no coñecemento dos fungos na provincia 

O Deputado de Turismo, Eduardo Vidal Baamonde, o Vicerreitor do Campus de Lugo da Universidade de Santiago de Compostela, Javier Bueno Lema, así como os profesores Antonio Rigueiro e Julián Alonso, informaron esta mañá dunha nova colaboración ente o organismo provincial e a universidade para impulsar o sector turístico da provincia. Trátase, concretamente, da elaboración dun estudo científico no que se avalían as potencialidades turísticas da micoloxía na provincia, no xeodestino dos Ancares-Courel. O Executivo destina 35.000 euros á elaboración do estudo que, posteriormente, será incluído dentro do Plan Estratéxico de Turismo que deseña o organismo provincial.

Vidal Baamonde subliñou que “con este novo acordo coa universidade, continuamos impulsando o estudo dos recursos naturais que hai na provincia co obxectivo de poder empregalos para ampliar a oferta turística lucense, neste caso, a través da micoloxía”.

O Deputado apuntou que durante os últimos anos, ten aumentado moi notablemente o interese polo aproveitamento micolóxico, debido á súa importancia ecolóxica, nutricional, gastronómica e, ademais, lúdico turista. Neste senso, destacou que, segundo algúns autores, a recollida silvestre dos fungos pode superar, en Galicia, os 100 millóns de euros, ou moito superior tendo en conta a diversificación do mercado.

O responsable de area de Turismo defendeu tamén a “transversalidade deste subsector turístico” pois a recollida de fungos pode completarse con outros recursos turísticos propios do territorio. “É por iso que decidimos elaborar este estudo nas Serras dos Ancares e do Courel que, ademais de ser un lugar cunha ampla diversidade micolóxica, reúne grande cantidade de valores históricos, culturais, xeolóxicos, ecolóxicos e paisaxísticos que debemos aproveitar para completar a oferta turística”.

Obxectivos e actividades a desenvolver
Os obxectivos a cumprir con este estudo son: analizar e facer un diagnóstico das posibilidades do micoturismo na provincia e as necesidades para o seu desenvolvemento nas comarcas do Courel e dos Ancares; establecer sinerxías e implicar no proxecto aos distintos axentes administrativos, sociais, económicas, culturais e científicos; e definir as estratexias necesarias para favorecer o turismo micolóxico a levar a cabo as actividades e estudos para a súa implantación.

Para conseguir estes obxectivos, logo de facer o análise DAFO, estableceranse reunións e contactos con axentes que necesariamente se deben implicar para o desenvolvemento deste proxecto, estudo inventariada da micobiota do territorio, con especial atención ás especies comestibles, e estimación da produtividade real, e actuacións formativas, divulgativas e educativas. 

Estudo científico
Con este acordo entre ambas administracións, elaborarase un minucioso estudo sobre a importancia da micoloxía na provincia, concretamente na Montaña lucense, que conta con grande diversidade no que a fungos se refire, dende o punto de vista do aproveitamento turístico. Deste xeito, analizaranse as fortalezas e oportunidades, que se basean na riqueza natural, paisaxística, etnográfica, cultural, así como na ampla biodiversidade e na existencia de infraestruturas de turismo, establecementos e empresas ecoturísticas; debilidades e ameazas, todas relacionadas coa demografía regresiva, escasa formación micolóxica dos establecementos ou difíciles conexións.


This site is registered on wpml.org as a development site.