Escolares de toda a provincia plantan salgueiros nos colexios coa Semana da Árbore e da Auga do Goberno da Deputación



Fonte: Deputación de Lugo

– O Presidente sumouse á plantación do salgueiro que levaron a cabo os alumnos do CEIP Méndez Pelayo, na capital luguesa. Simultaneamente, alumnos doutros centros escolares do centro lugués, Mariña, Montaña e Sur levaron a cabo a mesma iniciativa

– 16.000 alumnos de 103 colexios de toda a provincia realizaron actividades durante toda a semana para as que o Executivo da Deputación editou os libros titulados A auga, o dragón e o salgueiro  e A invención do salgueiro con historias de ficción adecuadas aos cursos de infantil e primaria respectivamente que se centran nas Reservas da Biosfera Terras do Miño e Os Ancares Lucenses

– O Goberno súmase mañá á iniciativa global A Hora do Planeta, que consiste nun apagamento eléctrico voluntario, no que fogares, empresas, institucións e demais edificios apagan as luces e outros aparellos eléctricos entre as 20:30 e as 21:30 horas

Nenas e nenos de toda a provincia plantaron este venres salgueiros nos seus colexios para culminar coas actividades enmarcadas na 7ª Semana Escolar da Árbore e da Auga, que se desenvolveu durante estes días en 103 centros públicos de Educación Infantil e Primaria da provincia, organizada polo Goberno da Deputación co obxectivo de conmemorar os Días Mundiais da Árbore e da Auga e difundir os valores das Reservas da Biosfera Terras do Miño e Os Ancares Lucenses. Con esta programación, o Executivo Provincial quixo chamar a atención sobre as secas e os incendios educando na conciencia ambiental e na prevención e conservación da natureza, de xeito que o alumnado goce e aprenda ao mesmo tempo. Participaron de balde 16.000 cativos dos 67 Concellos da provincia.

 

O Presidente, Darío Campos Conde, e o Concelleiro de Educación, Manuel Núñez López, participaron hoxe na plantación do salgueiro que fixeron os alumnos do CEIP Menéndez Pelayo, na capital luguesa. Así mesmo, ao longo da semana os deputados do Goberno Provincial mantiveron encontros cos escolares participantes.

 

O Deputado de Relacións Institucionais, Álvaro Santos Ramos, estivo cos rapaces do CEIP Plurilingüe do Corgo; a Deputada de Economía, Mayra García Bermúdez, cos alumnos do CEIP Celso Currás de Trabada; o Deputado de Medio Rural, cos rapaces do CEIP Rosalía de Castro de Pol; a Deputada de Cultura, Pilar García Porto, cos escolares do CEIP de Antas de Ulla; o Deputado de Deportes, Pablo Rivera Capón, cos alumnos do CPI Ramón Piñeiro de Láncara; o Deputado de Cooperación cos Concellos, Argelio Fernández Queipo, cos rapaces do CEIP Santa María da Fonsagrada; o Deputado de Turismo, Eduardo Vidal Baamonde, cos nenos e nenas do CEIP Manuel Mato Vizoso de Vilalba; o Deputado de Xestión Territorial, Manuel Martínez Martínez, cos escolares do CEIP San Xoán de Becerreá; a Deputada de Promoción Económica e Social, Sonsoles López Izquierdo, cos alumnos do EEI de Sarria; e o Deputado de Goberno Interior, Miguel Sotuela Vega, cos alumnos do CEIP de San Clodio de Ribas de Sil.

 

Libros de texto gratuítos para os centros

A Deputación editou os libros, para uso como manuais, titulados A auga, o dragón e o salgueiro -álbum para non lectores e primeiros lectores-, e A invención do salgueiro -libro ilustrado-, con historias de ficción adecuadas aos cursos de educación infantil e educación primaria respectivamente. Na presente edición a árbore protagonista, que centra as historias, é o salgueiro. As tramas de ambas desenvolvesen nas Reservas da Biosfera Terras do Miño e Os Ancares Lucenses.

 

Para establecer as actividades elaborouse un programa con propostas de traballo e editouse unha Guía do Profesorado que achega pautas para optimizar o emprego dos libros, os cales recibirán todos e cada un dos escolares inscritos. Para chamar a atención nos propios centros escolares sobre o evento editouse o correspondente cartel.

 

A Hora do Planeta

O Goberno da Deputación súmase mañá á iniciativa global denominada A Hora do Planeta. Esta iniciativa, promovida pola ONG WWF, celébrase o último sábado do mes de marzo de cada ano e consiste nun apagamento eléctrico voluntario, no que se pide a fogares, empresas, institucións e demais edificios que apaguen as luces e outros aparellos eléctricos non indispensables durante unha hora entre as 20:30 e as 21:30 horas. Con esta acción simbólica, preténdese concienciar á sociedade sobre a necesidade de adoptar medidas fronte ao cambio climático e as emisións contaminantes, así como aforrar enerxía e minorar a contaminación lumínica.


This site is registered on wpml.org as a development site.