Gómez Besteiro avoga polo municipalismo e agroecoloxía como “un dos camiños de futuro da provincia”



Fonte: Diputación Provincial de Lugo

– Así o afirmou o Presidente na sesión inaugural do I Simposio Ibérico de Agroecoloxía e Municipalismo e Desenvolvemento Rural que se está a celebrar na cidade de Lugo.

– O simposio pretende servir como escenario para promocionar as diferentes iniciativas e proxectos municipais agroecolóxicos en diferentes rexións de España e Portugal.

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, participou esta mañá na inauguración do I Simposio Ibérico de Agroecoloxía, Municipalismo e Desenvolvemento Rural, iniciativa que pretende servir como punto de encontro entre expertos da materia para promocionar os proxectos municipalistas e agroecolóxicos das diferentes rexións de España e Portugal.

Gómez Besteiro salientou que “a agricultura ecolóxica non o representa todo na provincia, pero debe representar unha parte moi importante. Dende que eu son Presidente un dos piares fundamentais desta institución é o relacionado co medio ambiente,  tamén en clave económica, buscando sempre abrir as portas cara unha agricultura e gandería ecolóxica”.

O mandatario provincial afirmou que “cada vez hai máis forza do mundo da ecoloxía” e salientou que “se hai unha provincia que debe apostar pola agricultura e gandería ecolóxica, sobre todo dende unha perspectiva económica sostible, sen lugar a dúbidas esa é a de Lugo”. Do mesmo xeito, Gómez Besteiro informou que a Deputación “sempre” reservou unha partida importante para incentivar e por en valor esta actividade económica e lembrou os programas que ofrece o organismo provincial como o Fórmate en verde, programa de asesoramento co que se crearon 21 empresas medioambientalmente sostibles, ou a marca LugO2, que avala a calidade dos produtos da provincia. Finalmente, o Presidente sentenciou que “o que non se pode dubidar é que o compromiso desta institución coas prácticas ecolóxicas é un feito”

O I Simposio Ibérico de Agroecoloxía, Municipalismo e Desenvolvemento rural, é unha iniciativa de transición xurdida debido ao crecente número de municipios e grupos de desenvolvemento rural que están deseñando proxectos relacionados coa agroecoloxía. O obxectivo principal é reunir nun mesmo lugar a todos os proxectos de vangarda xurdidos ao redor da agroecoloxía e sentar as bases para os novos programas de desenvolvemento que terán lugar en 2015.

Logo da celebración do simposio elaborarase un documento de recomendacións que será remitido ás federacións municipais e provinciais, partidos políticos e redes de desenvolvemento rural de España e Portugal para que se teña en conta á hora de planificar programas electorais, lexislaturas ou programas de desenvolvemento rural que se establecerán no ano 2015.


This site is registered on wpml.org as a development site.