Fonte: Diputación Provincial de Lugo
– Manuel Martínez manterá un encontro na Residencia Cereixal cos participantes en Memoria Dixital Tic-Tac. Serán entrevistadores ou cámaras e farán un banco de recordos audiovisual.
– Santos Ramos visitará na Ribeira de Piquín aos alumnos de Engurras. Farán fotografías, que editarán e compartirán en redes sociais como Instagram.
Maiores de 55 anos de Becerreá e Ribeira de Piquín participan este luns en Memoria Dixital Tic-Tac e Engurras, dous dos programas sobre novas tecnoloxías que puxo en marcha a Deputación, a través da Fundación TIC, para fomentar o envellecemento activo.
Ás 18:00 horas, na Residencia Fogar Cereixal, en Becerreá, o Deputado de Xestión Territorial, Manuel Martínez, manterá un encontro cos participantes en Memoria Dixital Tic-Tac. Farán un rexistro audiovisual da memoria a través de pequenos relatos e anécdotas. O material publicarase nunha páxina web para que todo o mundo teña acceso ás historias e recordos de toda unha xeración. Ademais, os participantes poderán contar historias, ser entrevistadores ou cámaras e enviar o material a través de Internet.
Memoria Dixital Tic-Tac consta de 9 talleres, que se desenvolverán ata o 28 de febreiro en todas as comarcas da provincia. Está aberto a asociacións e centros de maiores de todos os Concellos da provincia, agás o da capital. Os interesados poden apuntarse no 982 254 666.
Engurras en Ribeira de Piquín
Ás 18:30 horas, no Chao do Pousadoiro, en Ribeira de Piquín, o Deputado de Cooperación e Asistencia aos Concellos, Álvaro Santos Ramos, manterá un encontro cos participantes en Engurras Tic. Os alumnos farán fotografías e editaranas con dispositivos tecnolóxicos como smartphones, tablets e ordenadores portátiles. Ademais, compartiranas en redes sociais como Instagram. As imaxes exporanse nos locais onde se imparten os obradoiros. As mellores entrarán a formar parte dun concurso, que se resolverá o 27 de febreiro. Os interesados en participar en Engurras Tic poden inscribirse a través da páxina http://engurrastic.fundaciontic.org.
Memoria Dixital Tic-Tac e Engurras Tic están incluídos na actuación “Promoción da autonomía persoal dos maiores da provincia”, que xestiona a Fundación TIC a través do Centro de Innovación Social InLugo no marco do Innova-TE2, programa financiado nun 80% con fondos europeos.