Máis de 260 persoas poderán participar de balde nas actividades medioambientais do 1º trimestre da Reserva da Biosfera Os Ancares Lucenses



Fonte: Deputación de Lugo

– Trátase da programación que achega o Executivo Provincial aos municipios de Becerreá, Cervantes e Navia de Suarna. Inclúe, entre outros, obradoiros de cervexa artesá; deshidratación de froitas, hortalizas e aromáticas; ou cursos para nenos
– Fernández Queipo, subliñou que “a través destas actividades gratuítas, fomentamos o estudo da riqueza natural e patrimonial da nosa provincia, ao tempo que impulsamos as prácticas responsables co medio ambiente”
– As persoas interesadas en inscribirse nalgún dos cursos poden facelo a través do teléfono 982 227 813, no correo electrónico ancareslucenses@deputacionlugo.org, ou a través da páxina web da Deputación www.deputacionlugo.gal

O Vicepresidente e Deputado de Medio Ambiente, Argelio Fernández Queipo, presentou este venres a programación de actividades na Reserva da Biosfera dos Ancares Lucenses, correspondente ao primeiro trimestre do 2019. Trátase de 6 novas actividades gratuítas, que se celebrarán nos Concellos de Becerreá, Cervantes e Navia de Suarna, e nas que poderán participar 261 persoas. Os interesados en inscribirse nalgún dos cursos poden facelo a través do teléfono 982 227 813, no correo electrónico ancareslucenses@deputacionlugo.org, ou a través da páxina web da Deputación, www.deputacionlugo.gal.

Fernández Queipo subliñou que “a través destas actividades gratuítas, fomentamos o estudo da riqueza natural e patrimonial da nosa provincia, ao tempo que impulsamos as prácticas responsables co medio ambiente. Esta oferta de programación baséase no interese que esperta na xente este tipo de iniciativas, que lle ofrece á poboación unha alternativa diferente, lúdica e tamén formativa, e totalmente gratuíta”, lembrou.

Neste trimestre a oferta inclúe obradoiros de elaboración de cervexa artesá; deshidratación de froitas, hortalizas e aromáticas; plantas aromáticas na cociña; educación básica canina, ademais dunha xornada de apicultura e outra de ilusionismo para nenos de educación primaria e infantil reservada aos escolares. Todas as actividades son gratuítas e están pensadas para participantes de diversas idades.

Programación
A programación de actividades ambientais nos tres Concellos da Reserva da Biosfera Os Ancares Lucenses para o primeiro trimestre do ano é a seguinte:

Becerreá:
– Plantas aromáticas na cociña, no Centro Social de Becerreá. (Adultos, 20 prazas)
– Xornadas de apicultura, no CEIP San Xoán. (Escolares do centro, 139 prazas)

Cervantes: 
– Obradoiro de maxia, no CPI Cervantes. (Escolares do centro, 38 prazas)
– Obradoiro de elaboración de cervexa artesá, no Edificio de Servizos Múltiples. (Adultos, 24 prazas)

Navia de Suarna: 
– Deshidratación de froitas, hortalizas e aromáticas, na Escola de Barcia. (Adultos, 20 prazas)  
– Obradoiro de educación básica canina, na Escola de Barcia. (Adultos, 20 prazas)


This site is registered on wpml.org as a development site.