O luns remata o prazo para inscribirse nas accións formativas do V Campus de Emprendemento Sostible da Deputación



Fonte: Deputación de Lugo

– Os interesados poden apuntarse de xeito totalmente gratuíto no espazo habilitado na páxina web www.deputacionlugo.gal

O prazo para inscribirse nas accións formativas do V Campus de Emprendemento Sostible da Deputación remata este luns, 5 de marzo. Os interesados poden apuntarse de xeito totalmente gratuíto no espazo habilitado en www.deputacionlugo.gal. A formación impartirase no Centro de Interpretación Terras do Miño, situado no Paseo do Río Rato, na capital luguesa, durante a primeira quincena do mes de marzo.

 

As accións formativas que se ofertan, de maneira gratuíta son:

 

Campus de motivación empresarial: abordaranse os elementos principais a ter en conta á hora de abrir unha empresa, as oportunidades de negocio na provincia, os proxectos exitosos postos en marcha… As sesións teóricas terán lugar o 6, 7 e 8 de marzo en horario de 10:00 a 14:00 horas. Haberá visitas a empresas o 9 de marzo.

 

Campus de maduración empresarial: traballarase a maduración da idea empresarial de cada un dos participantes, analizando, por exemplo, a súa viabilidade comercial, técnica e legal a través da metodoloxía Canvas, o enfoque medioambiental con exemplos prácticos ou a viabilidade económico-financeira a 5 anos. As sesións teóricas desenvolveranse o 12, 13 e 14 de marzo en horario de 10:00 a 14:00 horas. Haberá visitas a empresas o 15 de marzo.

 

21 empresas xeradas

As catro anteriores edicións do Campus de Emprendemento Sostible supuxeron polo de agora, pois continúa o asesoramento para a posta en marcha de máis proxectos empresariais, dun total de 21 novas empresas na provincia. Estas son as seguintes: A horta da Sancoveiga; Esther Fernández Díaz; Nenea, medrar creando; Avogar; Bico de Grao; PK3 Ingenieros; Marmeladas Acea de Olga; WiseKid Summer Camp; Mel Casa Príncipe; Explotación Extensiva de Gando Vacún; Abadía; Bufarda Arquitectura; Esmorga Eventos; Galimós: A nosa granxa de galiñas de Mós; M3 Aguas: ingeniería ambiental; Tu alicate, tenda online de ferramentas; Artesanía Calabazas Mago de Luz; Centro Shalom; Caserío Meiroi; Elexes, más que electricidad; Hotel Os Ancares.


This site is registered on wpml.org as a development site.