Fonte: Deputación de Lugo
-A conferencia do director, que vén de recibir o premio da Cultura Galega, forma parte dun convenio da TIC coa produtora da súa película “Aquilo que Arde” que se asinará este luns
-Os alumnos da EIS asistirán ao encontro co cineasta galego, que será ás 12.00 horas no Salón de Actos do Pazo de San Marcos
O director de cine Oliver Laxe, gañador de dous premios no Festival de Cannes e que vén de recibir o Premio da Cultura Galega 2017, ofrecerá este martes 19 de decembro unha charla na Deputación organizada pola Fundación TIC. A conferencia “Oliver Laxe e o cine de autor” será ás 12.00 horas no Salón de Actos da Deputación e estará aberta a todo o público interesado. A charla servirá tamén de clase maxistral aos alumnos e alumnas da Escola de Imaxe e Son da TIC.
Oliver Laxe expoñerá a súa experiencia como director, que inclúe diversos premios de prestixio internacional. Na súa intervención, falará do proxecto que ten agora mesmo entre mans, a longametraxe “Aquilo que arde”, que se rodará o vindeiro ano en diversas localizacións da nosa provincia, especialmente no Concello de Navia de Suarna, de onde son orixinarios os seus avós. Alumnos da EIS xa están a compartir parte do traballo de Laxe durante os ensaios da película que o director realiza en dependencias da TIC.
Convenio para a inserción laboral
Con esta charla arranca un ciclo de masterclass sobre cine de autor que forma parte dun convenio de colaboración entre a Fundación TIC e Miramemira, a produtora audiovisual de “Aquilo que Arde”, que se asinará este luns en Navia de Suarna. Este ciclo inclúe o encontro do alumnado con outros destacados profesionais que impartirán os seus coñecementos sobre pre-produción e produción, guión e dirección artística.
Grazas a este convenio, os estudantes da EIS terán acceso a unha formación práctica nunha produción cinematográfica de proxección internacional. A finalidade é que o contacto directo con profesionais de prestixio contribúa a introducilos no sector e a súa inserción laboral. Ademais, o obxectivo desta sinatura é a promoción da nosa provincia como espazo de rodaxe xerador de riqueza económica e de asentamento de poboación no rural.
Director de culto
Oliver Laxe é un dos referentes do Novo Cinema Galego, unha corrente cinematográfica que logrou situar a Galicia e aos cineastas galegos no mapa mundial do cine de calidade, cunha repercusión e un recoñecemento internacional sen precedentes na historia recente do cine español.
Fillo de emigrantes galegos, naceu en París en 1982. Aos seis anos retornou coa súa familia a Galicia. Despois de estudar cine na Universidade Pompeu Fabra, marchou a Londres onde rodou a curta “Y las chimeneas decidiron escapar”. A súa primeira longametraxe de Laxe “Todos vós sodes capitáns” foi gañadora do Fripesci na quincena de realizadores do Festival de Cannes en 2010. Se is anos máis tarde obtivo o Premio da Crítica do festival galo.