Preto de 500 persoas poderán participar en 2019 nas actividades gratuítas da Deputación na Reserva da Biosfera dos Ancares Lucenses



Fonte: Deputación de Lugo

Así o avanzou o Vicepresidente que explicou que son un total de 24 actividades que inclúen cursos de cociña, obradoiros de micoloxía, campamentos para nenos ou estudo do medio natural

O Goberno da Deputación busca contribuír á conservación da contorna medioambiental e poñer en valor os recursos da zona e a gastronomía deste espazo natural, que abrangue os Concellos de Cervantes, Navia de Suarna e Becerreá

Os Ancares lucenses foron declarados Reserva da Biosfera pola UNESCO en 2006. A súa superficie é de 53.664 hectáreas, concentra unha gran riqueza de bens culturais, entre os que figuran dolmens, castros, petróglifos e edificacións históricas

Preto de 500 persoas de todas as idades poderán participar durante o 2019 na programación de actividades medioambientais e gratuítas que ofrece a Deputación na Reserva da Biosfera dos Ancares Lucenses. Así o avanzou o Vicepresidente e Deputado de Medio Ambiente, Argelio Fernández Queipo, que explicou que serán un total de 24 actividades as que desenvolveranse durante o vindeiro ano nos tres Concellos da Reserva da Biosfera-Ancares Lucenses: Cervantes, Navia de Suarna e Becerreá. A oferta inclúe cursos, obradoiros e campamentos.

Entre as diferentes actividades, haberá varias relacionadas coa natureza e a agricultura, como os obradoiros de plantas medicinais, plantas aromáticas, reciclaxe, horto, técnicas de enxerto, compostaxe e micoloxía; ou cursos de cociña cos que aprender a facer pasta, ou deshidratar de alimentos. Con isto, preténdese contribuír á conservación da contorna medioambiental e poñer en valor os recursos da zona e a gastronomía da rexión dos Ancares.

Os Ancares lucenses foron declarados Reserva da Biosfera pola UNESCO en 2006. A súa superficie é de 53.664 hectáreas, o 6 % do total da provincia. Os montes de Cervantes, Navia de Suarna e Becerreá concentran unha gran riqueza de bens culturais, entre os que figuran dolmens, castros, petroglifos e edificacións históricas. Así, no Concello de Becerreá atópase o dolmen de Vilouta, o castro de Cantiz, as igrexas de Penamaior e San Pedro de Cadoalla e as pontes de Gatín e de Cruzul. No referente ao Concello de Cervantes, alí está situada a necrópole megalítica da Pena dos Mouros, os petróglifos de Campa do Barreiro, o castro de Santa María, o Castelo de Doiras, o Pazo de Quindous ou a igrexa de Donís. No Concello de Navia de Suarna atópase a mámoa de Ferreirúas, a ponte e o castelo da Pobra de Navia e os castros de Cantón, Cabanela e Pin.

Programación 2019

A programación 2019 para os tres Concellos é a seguinte:

Xaneiro-marzo
Becerreá: Plantas aromáticas na cociña e Xornadas de apicultura CEIP San xoan
Cervantes: Obradoiro de maxia no CPI Cervantes e Obradoiro de elaboración de cervexa artesá
Navia de Suarna: Deshidratación de froitas, hortalizas e aromáticas e Obradoiro de educación básica canina

Abril-xuño
Becerreá: Deshidratación de froitas e hortalizas e Campamento infantil sobre actividades da natureza e reciclaxe
Cervantes: Curso de cosmética natural e Técnicas de enxerto e acodo
Navia de Suarna:  Planificación do horto primavera-verán e Contacontos para nenos

Xullo-setembro
Becerreá: Prantas mediciñais e Os segredos das estrelas
Cervantes: Astronomía e iniciación á fotografía nocturna no CPI Cervantes e Curso sobre compostaxe
Navia de Suarna: Cociña (obradoiro de pasta) e Campamento nenos 4-12 anos

Outubro-decembro
Becerreá:  A compostaxe e Decoración e contos de Nadal
Cervantes: Obradoiro de cociña creativa con produtos da zona no CPI Cervantes e Micoloxía
Navia de Suarna Manexo do móbil e Xogos populares para nenos


This site is registered on wpml.org as a development site.