«Ridley Scott esixíanos menos que Piornedo, a el valíalle a palla vella»



Fonte: La Voz de Galicia

O artesán Juan González Abella, que ambientou a película «O reino dos ceos», repara o conxunto BIC de Cervantes.

A aldea prerromana de Piornedo, no concello lucense de Cervantes, recupera aos poucos o seu esplendor mercé ás mans, a destreza e a paciencia de Juan González Abella (Burbia, 1962), o artesán leonés que cunha navalla e unha paleta como únicas ferramentas está reteitando as pallozas do conxunto etnográfico declarado BIC (ben de interese cultural) e símbolo do patrimonio de Galicia.

-¿Como vai a rehabilitación?

-Empezamos en maio polas de Coro, Marelo, Sesto, Chís e Marqués, as que peor estaban. Agora estamos na de Perdigón e aínda nos quedan varias. Non creo que terminemos ata mediados de setembro porque fixo moita calor, e ao mediodía non se pode traballar. E reteitar é como ir tapando buracos, leva máis tempo que facer o teito novo. É como facer un remiendo a un traxe. Ademais, as pallozas están bastante mal, porque as cubertas se fixeron hai 16 anos e a palla está moi gastadiña, hai que ir con moito coidado porque se desfondan. En condicións normais un teitador pode facer catro metros ao día, pero aquí estamos facendo a metade ou menos. Utilizaremos uns 6.000 mollos de palla da Cepeda de cinco quilos, é dicir, uns 30.000 quilos.

-Durante séculos, nestas edificacións de pedra, madeira e palla convivían animais e persoas. As de Piornedo seguen sendo privadas, pero a administración paga o seu mantemento…

-Antigamente, cando se cultivaba centeo no pobo e a xente sabía teitar era diferente. Cada ano facían un anaco para que o teito non se estragase moito e non ter que facelo todo de golpe. Pero agora a palla hai que comprala fóra, teitadores hai poucos, e a palloza para vivir pasou á historia. Teitar unha de 100 metros cadrados costa 15.000 euros. ¿E quen pode cargar con iso? Agora só se fai algún restaurante en plan típico e algún merendeiro privado, pero o resto son todas subvencionadas.

-Vostede é de Burbia, nos Ancares leoneses, onde tamén hai pallozas. ¿En que se distinguen das galegas?

-No culmen de arriba, que en León se fai estilo albarda, cuns paus, e en Piornedo ao vexo, con uces trenzadas. Pero o traballo é o mesmo que fai cen anos: sacar a palla vella e ir atando feixe a feixe botando un vincallo cada 25 centímetros ata o remate de arriba, onde fas ao revés: vear para que non entre a auga.

-Entre os seus traballos destaca a súa participación na película «O reino dos ceos», dirigada por Ridley Scott e protagonizada por Orlando Bloom…

-Estivemos dous meses na rodaxe en Huesca. Fixémoslles catro hórreos e catro pallozas xigantes para o poboado do ferreiro, pero Ridley Scott esixíanos menos que Piornedo, a el valíalle palla vella porque só era para a imaxe. Ata tivemos que pintala e facer buracos no teito para que parecese un pobo vivo. Valeulles ben Piornedo, aquí non necesitaban romper nada…. Tamén fixemos un anuncio para Toyota, e traballamos para un museo do Pallar, en Lérida, preto de Baqueira Beret, onde subiron a palla en helicóptero a 1.500 metros de altura.

-Tras cinco anos sen mantemento, Xunta e Deputación de Lugo acordaron pagar a rehabilitación de Piornedo. ¿Que recomenda para o seu mantemento?

-Conservar as pallozas aos poucos. As de Pedrafita, por exemplo, que son de Patrimonio, arránxanse un pouco cada ano para que logo o orzamento non sexa tan grande. E hai que mantelas, porque antes se facía fume, vivíase nelas, estaban vivas, e agora o inimigo máis grande que ten a palla son os ratos, máis incluso que o temporal.


This site is registered on wpml.org as a development site.