Unha ruta sinalizada de 16 quilómetros e moi valorada



Fonte: La Voz de Galicia

O pasado domingo un grupo de sendeiristas de Adega gozaron da ruta guiada por membros da asociación Castaño e Nogueira. Realizaron os 15,90 quilómetros do camiño recuperado por Quintá de Cancelada, xunto ao río Donsal, afluente do Navia.

Os visitantes puideron comprobar en primeira persoa a riqueza patrimonial e ambiental da zona e descubrir as primeiras flores da primavera, as pontes e pasos menores sobre o río, os antigos muíños, os bosques de carballos e de castiñeiros, unha antiga mina de prata, os tramos da antiga vía romana XIX e logo reconvertida como camiño real.

O presidente da asociación, Antonio Álvarez, móstrase orgulloso da ruta: «Os sendeiristas en xeral e os experimentados e con formación topográfica en particular, como os da Sociedade de Montaña Ártabros da Coruña, valoran a nosa ruta cunha das mellores de España e como o Carreiro mellor documentado do País en Internet, logro e mérito ao que contribuíron as achegas dos sendeiristas como a de Santiago Martínez.

O punto de inicio é O Couso (pola CP-0708), co seu alto de 840 metros, que acolleu aos sendeiristas do domingo baixo unha nevada, que fixo máis fermoso aínda o tránsito. O punto final é Cabana de Cervantes, na estrada LU-722. O nivel de dificultade é medio, xa que hai que pasar por desniveis entre os 600 metros e os 400 de altitude. O tempo estimado é dunhas cinco horas, con descansos, cunha velocidade media de tres quilómetros por hora. Todo o percorrido está sinalizado, con franxas pintadas de branco e amarelo, polo que non é necesario o uso de GPS para facer a ruta. A asociación decidiu manter a dobre sinalización do tramo executado polos voluntarios da oenegué Servizo Civil Internacional (SCI) en branco e verde, coa correspondente internacionalmente como carreiro, en branco e amarelo, en recoñecemento ao traballo aos 14 voluntarios de 10 países que participaron na recuperación do primeiro tramo.


This site is registered on wpml.org as a development site.